Saturday 20 de April de 2024

O Museo Casares Quiroga acolle do 7 setembro ao 2 de outubro obras de 17 autores no IV Salón de Outono da Asociación de Artistas


A mostra recolle unha gran variedade de estilos e técnicas

A Casa Museo Casares Quiroga acolle desde o 7 de setembro ao 2 de outubro o IV Salón de Outono da Asociación de Artistas da Coruña, que reunirá obras de 17 autores e autoras diferentes.

A Asociación de Artistas acode desta maneira á súa tradicional cita bianual do Salón de Outono, que incluso a pesar da Covid non deixou de organizarse no ano 2020.
A mostra recolle unha gran variedade de estilos e técnicas que conviven no propio seo da asociación promotora da exposición, que organiza en colaboración coa área de Cultura do Concello.

Así, poderanse ver óleos, acrílicos e traballos en carbón dentro das diferentes obras que se exporán na que é unha das principais citas da tradicional asociación coruñesa, cunha dilatada traxectoria e importancia ao longo dos seus case noventa anos da súa existencia. En todo caso, a exposición presenta un grande abano de obra, chea de sensacións íntimas e sensibilidades de cada artista coa que pretenden emocionar aos visitantes

Os e as artistas participantes nesta edición son María del Carmen Calviño, Antonio Cuadrado, María José Fiaño, María José Freire Cisneros, Francisco García Ibarra, Ulpiano Guitián, Teresa López Ameijeiras, Pilar López Román, Jaime Muinelo, Marcial Ortiz, Francisco Otero, Pilar Pastoriza, Fernando Rivera, Marisa Rodríguez, María Jesús Sarandeses, José Antonio Varela y Miguel Zelada.

A apertura da exposición será o día 7 a partir das 19.00 horas. O horario de visita establecido é de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 20.00, de martes a sábado, e de 12.00 a 14.00, domingos e festivos.